30 novas prazas de aparcamento en Campelo estarán listas antes da Festa da Ameixa

Poio
29 de agosto 2021

A tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), visitou a zona e anunciou que manteñen contactos para novas cesións que permitan habilitar máis espazos de estacionamento en Campelo. Ademais lembrou que tamén está creado un aparcadoiro en Raxó, nas proximidades á estación de servizo

Chelo Besada, tenente de alcalde, visita as novas zonas de aparcadoiro en Campelo
Chelo Besada, tenente de alcalde, visita as novas zonas de aparcadoiro en Campelo / Concello de Poio

A parroquia de San Xoán prepárase para a creación de 30 novas prazas de aparcamento en dous espazos situados no núcleo de Campelo. A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, visitou a zona onde se realizan os traballos para adaptar os terreos ao acceso dos vehículos.

Segundo manifestou, a previsión é que se poidan utilizar polos usuarios antes da celebración da Festa da Ameixa de Campelo, os días 17 e 18 de setembro, salvo que xurda algún imprevisto.

A concelleira insiste en agradecer ás persoas propietarias das leiras pola cesión dos terreos situados nas rúas Pedro Soto e en Padre Avelino. O terreo máis grande conta con 677 metros cadrados e acollerá 18 prazas, mentres que o máis pequeno, de 300 metros cadrados, albergará 12 espazos de estacionamento.

Con estas cesións complétase, segundo o goberno local, a reforma integral realizada pola Deputación de Pontevedra nas estradas EP-0602 e EP-0601, coa renovación de servizos, a creación de espazos para viandantes e a mellora da seguridade viaria.

Chelo Besada anunciou que están en contacto con outros propietarios de terreos para crear outros espazos de estacionamento na zona de Campelo. Lembrou tamén que o  Concello carece de espazos de titularidade pública nesta zona para poder acometer actuacións destas características.

Por último, a tenente de alcalde indicou que na parroquia de Raxó xa está en funcionamento unha parcela para aparcar, situada nas proximidades á estación de servizo. Nesa zona, tras chegar a un acordo coa propietaria, o Concello rozou o terreo para que puidesen acceder os turismos. Tamén se atopa activo o situado en Camiño das Bocas, no núcleo de San Salvador, con capacidade para 300 vehículos.