32 votos favorables permiten a Emma Torres volver ser decana de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
04 de novembro 2020

A única candidatura presentada no proceso electoral aberto no centro recibiu 32 votos favorables, dez en contra e tres en branco na votación celebrada este mércores 4 na Xunta de Facultadespanroboto>

Emma Torres, nova decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Emma Torres, nova decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación / DUVI

Emma Torres comeza desde este mércores 4 a súa segunda etapa como decana de Ciencias Sociais e da Comunicación na facultade do campus pontevedrés. A profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade sucederá a Xosé Baamonde, que deixou o cargo

A súa candidatura, a única presentada, recibiu 32 votos a favor, dez en contra e tres en branco durante a votación celebrada este mércores na Xunta de Facultade. Torres xa fora decana entre xullo de 2015 e decembro de 2016, cando decidiu deixar o posto ao non poder compatibilizalo coa súa dedicación política no Concello do Grove.

No seu equipo atópanse os profesores José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal, como vicedecanos, de Erasmus e Alumnado, Promoción e Comunicación e Infraestruturas e Asuntos Económicos, que xa viñan desempeñando durante o anterior mandato. Tamén forman parte do equipo as profesoras Silvia García Mirón e Soraya Rodríguez que ocupan os cargos de  vicedecana de Calidade e Docencia e como secretaria académica, respectivamente, segundo recolle o DUVI.

Emma Torres, unha vez elixida, sinalou que forma parte desa casa desde 1996 e quere manter a liña seguida polo anterior decano. Durante os próximos tres anos de mandato enfróntase á adaptación á  realidade que vén imposta pola situación sanitaria derivada da covid-19. Entre outras cuestións, indicou que o novo equipo manterase pendente das necesidades do alumnado en relación ás conexións a internet no caso de que se volve a producir un confinamento. 

A segunda liña de traballo centrarase en realizar un esforzo para renovar os equipos dos estudios e laboratorios do grao en Comunicación Audiovisual. Explicou que é preciso dixitalizar os equipos para que o alumnado conte coa formación técnica que precisa. Tamén quere visibilizar a facultade como buque insignia do campus e buscar docentes que se sitúen á fronte da coordinación de graos.

 

ENRIQUE VARELA, DECANO COMISARIO DA FUTURA FACULTADE DE DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA

O profesor Enrique Varela, pertencente á Área de Ciencia Política e dá Administración, foi nomeado decano comisario do futuro novo centro do campus pontevedrés, que se instalará na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O 16 de outubro, o Claustro da Universidade de Vigo aprobaba instar ao Consello de Goberno a iniciar o expediente de creación da nova Facultade de Dirección e Xestión Pública. onde se ofrecería o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.

A creación desta facultade está pendente da aprobación polo Consello de  Goberno e polo Consello Social da Universidade de Vigo e despois precisará dunha aprobación por parte do  Consello Galego de Universidades. Os prazos que manexa Enrique Varela sitúan o final deste proceso no primeiro semestre de 2021. Este mércores mantiña un encontro co reitor Manuel Reigosa para tratar estes temas.