A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu o visto e prace á execución das obras para cambiar as actuais escaleiras de emerxencia do Centro Infanto Xuvenil Escola Fogar do recinto do Centro Príncipe Felipe en Mourente.
Con esta intervención, o goberno provincial quere resolver os problemas de estabilidade e de salubridade das instalacións. O investimento alcanzará os 325.291 euros.
A obra enmárcase na campaña de mellora da eficiencia enerxética, illamento térmico e adaptación ás novas necesidades do persoal. Segundo indican desde a Deputación, o edificio Escola Fogar, creado na década dos setenta, conta con seis pisos e presenta unha deterioración no sistema estructural e de cerramento que obriga a executar obras de mellora da estanquidade e a estabilidade para que se poida utilizar con garantías de seguridade.
Unha vez acométase a demolición dos elementos da estrutura secundaria de cada unha das actuais escaleiras procederase a instalar dúas novas escaleiras con chapa perforada e antiescorregadiza de aceiro galvanizado en quente. Esta estrucutra permitirá unha fácil evacuación e axudará a unha mellor ventilación. Tamén se instalará iluminación e portas de emerxencia nas saídas do núcleo das escaleiras.
Os investimentos desde 2016 no Centro Príncipe Felipe ascenden a 74,2 millóns de euros, segundo indican desde o goberno provincial. Recentemente anunciábanse tamén obras de reforma no CEIP Daría González, que se atopa no recinto, cun orzamento de 2,1 millóns.