34 pacientes, dous máis nas últimas horas, ingresados nos hospitais da área por covid-19

Pontevedra
09 de maio 2021

Aumentan os casos activos na área sanitaria en 35 novos positivos, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade. Neste domingo 9 de maio constan 488 persoas infectadas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, das que 454 se recuperan nos seus domicilios. Galicia rexistra un total de 2.987 casos activos por coronavirus cun novo falecemento

José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria, revisando o dispositivo de vacinación
José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria, revisando o dispositivo de vacinación

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén 26 pacientes con covid-19 ingresados en planta de hospitalización, dous máis que na xornada do sábado. 16 pacientes atópanse ingresados no Hospital Montecelo do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ( CHUP), mentres que 10, un menos que hai 24 horas, continúan no Hospital do Salnés. Ademais, seguen oito pacientes con coronavirus tentando recuperarse na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

Neste domingo hai 488 casos activos na área sanitaria, 454 deles recupéranse nas súas vivendas. Durante as últimas 24 horas realizáronse 1.260 probas PCR nesta zona que ofreceron 29 novos casos positivos, aos que hai que sumar seis positivos detectados por  antígenos, en total 35 novas infeccións. 

Desde o inicio do plan de continxencia por covid-19 curáronse 13.213 persoas, 28 máis que os notificados durante o sábado. O número de falecementos na área mantense en 173 persoas.

No Concello de Pontevedra, segundo a información facilitada polo goberno local, hai 84 positivos, sete casos máis nas últimas 24 horas.

GALICIA

Na comunidade, o número de casos activos confirmados é de 2.987, 36 menos que o sábado. 44 destes pacientes atópanse en Coidados Intensivos, 158 permanecen en planta de hospitalización mentres que 2.785 recupéranse nas súas vivendas.

Faleceu unha persoa de 92 anos por coronavirus nas últimas horas que se atopaba ingresada no Complexo Hospitalario da Coruña. O número de falecementos ascende a 2.394 persoas en Galicia por covid-19.

A incidencia acumulada durante os últimos 7 días por cada 100.000 habitantes é de 45,10 (+0,6), mentres que a incidencia acumulada nos últimos 14 días é de 92,84 (-0,8). Xurdiron 189 novos casos durante as últimas 24 horas e na última semana rexistráronse 1.217 novos positivos.

Por áreas sanitarias: Vigo conta con 64 novos casos positivos; 35 en Pontevedra; 32 en Santiago; A Coruña conta con 29 novos positivos; Ourense, 14; Lugo, 13 e Ferrol, 2.