4.000 guías de protección para o comercio e a hostalería grazas á plataforma #PonteLovers

Pontevedra
08 de xuño 2020

O robot Sentidiño volve ser o protagonista destes folletos onde se recollen en 12 páxinas as principais medidas de prevención e recomendacións hixiénico sanitarias que deben cumprir os propietarios, empregados e clientes dos negocios

‘Sentidiño fronte a Covid-19’, campaña da plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers
‘Sentidiño fronte a Covid-19’, campaña da plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers / Concello de Pontevedra

A plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, comeza a repartición de 4.000 guías de protección contra a Covid-19 entre os establecementos comerciais e de hostalería da cidade.

Estes folletos recollen en 12 páxinas as principais medidas de prevención e recomendacións hixiénico sanitarias que deben cumprir os propietarios, empregados e clientes dos negocios.

Tras responder preguntas básicas como que é o coronavirus, como se propaga e cales son os síntomas máis comúns, as guías fan unha relación das normas que se deben seguir antes de ir ao traballo e nos desprazamentos laborais, as medidas para protexerse da Covid-19, as probabilidades de contaxio, o uso correcto das máscaras protectoras, a forma correcta de lavar as mans, a organización da actividade comercial, o mantemento da distancia de seguridade e o respecto das medidas hixiénicas.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, con esta distribución de guías complétase a acción de apoio ao comercio iniciada nas pasadas semanas coa repartición de 2.000 carteis da campaña ‘Sentidiño fronte a Covid-19’ e de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade.

"O robot Sentidiño volve ser o protagonista das guías, contribuíndo a divulgar e lembrar as normas de protección dun xeito ameno. Ao igual que aconteceu co resto de material, os folletos teñen un carácter gratuíto e serán entregados porta a porta entre os establecementos", apunta a edil socialista.

Blanco engade que o principal obxectivo dos folletos "é o de expoñer de xeito resumido, concreto e fácil de entender toda esa marea de normas e recomendacións remitidas polas distintas administracións", facendo que a mensaxe chegue con claridade aos responsables dos negocios e aos seus clientes.