O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego baixou en xullo con respecto a xuño en 4.424 persoas na provincia de Pontevedra, un 6,19%.
O número de desempregados na provincia sitúase así nas 66.993 persoas.
En Galicia foron 9.343 persoas as que atoparon emprego, un 5,06%, co que a cifra de demandantes rexistrados no Servizo Público de Emprego Estatal ( Sepe) situouse en 175.311.
Nun mes marcado polo fin do estado de alarma e a entrada na chamada nova normalidade tras o confinamento, o número de afiliados á Seguridade Social na comunidade elevouse en 19.025, ata volver superar o limiar do millón de persoas (1.005.668). Aínda así, seguen sendo menos das que estaban rexistradas en febreiro (1.012.353).
No conxunto de España, coa prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego ( Erte), o número de parados rexistrados nas oficinas de emprego baixou en xullo en 89.849 con respecto a xuño, o primeiro descenso desde o inicio da pandemia e o maior desde 1997 para ese mes, no que a afiliación á Seguridade Social anotouse o mellor xullo desde 2005.
O número de persoas incluídas nun Erte ao peche do mes de xullo era de 1,18 millóns, o que supón unha redución de 712.000 respecto ao 30 de xuño. Un total de 624.000 traballadores abandonaron nese mes a situación de Erte de forza maior.
Por comarcas, na de Pontevedra rebaixouse en 672 o número de desempregados pasando de 9.026 en xuño a 8.354 en xullo, no Concello da capital rexístranse 384 parados menos situándose a cifra en 5.792. O outro municipio que recolleu un importante descenso dentro desta comarca foi Poio, cunha baixada de 145 parados establecéndose en 945 o número de persoas apuntadas nas listas do SEPE.
A comarca do Salnés foi a que máis viu reducida a cifra de desempregados nesta contorna das Rías Baixas. Houbo unha baixada de 1.137 persoas. Actualmente 7.656 traballadores buscan emprego nesta zona. O Concello cun maior descenso é o turístico de Sanxenxo cunha baixada de 306 persoas quedando a cifra de parados en 775. No Grove, o descenso é de 221 persoas desempregadas respecto a xuño cando a cifra de parados era de 878, mentres que en Vilagarcía sitúase en 195 cun total de 3.404 traballadores sen emprego.
Na comarca de Caldas o descenso é de 249 persoas cun total de parados que se sitúa en 2.384. Mentres que en municipios do Morrazo como Marín ou Bueu o descenso do número de desempregados é de 157 e 80 respectivamente cunha poboación sen emprego de 1.566 e 745 persoas en cada un destes dous Concellos.