40 coches en caravana para denunciar a discriminación laboral do persoal de Xustiza

Pontevedra
04 de abril 2018

Para este xoves 5 de abril, os folguistas xa teñen convocada unha concentración na praza da Peregrina na que portarán caretas onde se poderá ler "Rueda mentireiro"

Caravana automobilística de protesta dos traballadores en folga da administración de Xustiza / USO

Catro decenas de vehículos adornados con globos percorreron este mércores o centro de Pontevedra reivindicando unha subida salarial para o persoal de Xustiza. Trátase dun novo acto dentro das iniciativas que o comité de folga está a levar a cabo dentro deste conflito que se iniciaba o 7 de febreiro e que leva camiño de cumprir os dous meses de duración.

Os traballadores seguen denunciando prepotencia por parte da Xunta de Galicia durante a negociación e manteñen a súa oposición á discriminación laboral que consideran que están a sufrir respecto doutras comunidades.

Segundo os sindicatos, o seguimento durante a xornada deste mércores alcanzou o 86% na provincia. Pola súa banda, a Xunta rebaixa esa cifra ata o 37,29%. 

Para este xoves 5, a partir das 11.30 horas, o comité de folga convocou unha concentración na praza da Peregrina. Neste novo acto de protesta, os participantes levarán caretas de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, nas que constará a palabra "mentireiro". Teñen previsto portar candeas e vestimentas rechamantes.