400 mozos titulados comezan o 1 de outubro a traballar como bolseiros en empresas da provincia

Pontevedra
29 de setembro 2014

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiu o acto en que 400 empresas da provincia asinaron os convenios que lles permiten contar con bolseiros dentro do II Plan de Práctica Laboral no sector privado

Sinatura do convenio do Plan de Prácticas Laboral da Deputación
Sinatura do convenio do Plan de Prácticas Laboral da Deputación / Mónica Patxot

400 empresas de concellos da provincia de Pontevedra asinaron un convenio individualizado coa Deputación Provincial para dispoñer dun traballador cualificado, titulado universitario ou en Formación Profesional, durante o prazo dun ano.

A nómina é de 800 euros para universitarios e 700 para os de FP, que será financiada integramente pola institución provincial que tamén correrá cos gastos correspondentes a seguro de accidentes, responsabilidade civil ou o recoñecemento médico.

O presidente provincial, Rafael Louzán, participou no acto no Salón de Plenos que se encheu de público, entre o que se encontraba mesmo unha relixiosa. Ao programa Plan Práctica Laboral II presentáronse mil empresas e foron seleccionadas 400. Os traballadores correspóndense a 113 titulacións distintas despois da selección entre os 3.000 solicitantes do programa, realizada por un equipo de técnicos e da Universidade de Vigo e da Confederación de Empresarios.

Os 400 titulados comezarán a traballar o 1 de outubro de 2014 ata o 1 de outubro de 2015 e terán unha xornada laboral de 40 horas semanais. Contarán cun período vacacional será de dous días por mes traballado. Unha comisión de seguimento realizará informes periódicos da súa evolución, rendemento e grao de satisfacción. Rafael Louzán pediu aos empresarios flexibilidade, tolerancia e comprensión na relación cos novos traballadores, que se enfrontan á súa primeira experiencia laboral.

O presidente da Deputación recordou que determinadas especialidades como Informática, Fisioterapia ou algunhas seccións de Química carecen de demandantes de emprego na provincia. As máis reclamadas polos empresarios foron as do Ciclo superior en Administración e Finanzas e a Licenciatura e grao en Administración e Dirección de Empresas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora