41 centros de secundaria participarán no certame provincial de Regueifa

Pontevedra
20 de outubro 2021

A rapazada está xa a participar nos obradoiros didácticos impartidos pola Asociación Oral de Galicia que rematarán nunha exhibición final

Uns rapaces cantando unhas regueifas
Uns rapaces cantando unhas regueifas / Bibliotecas Municipais de Galicia

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Asociación Oral de Galicia, vén de impulsar un novo certame provincial de Regueifa que conta coa participación de 41 centros de Ensino Secundario da provincia. 

A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos se retarán dialecticamente para gañar o certame.

Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará este mércores, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro.

A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapaces interesados.

O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap.

Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.

Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora