43 establecementos turísticos de Pontevedra e O Salnés recibiron o pasado ano 720.000 euros en axudas da Xunta

Pontevedra
14 de febreiro 2022

O delegado territorial, Luis López, informou que xa está aberta a nova convocatoria nunha visita, xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, ao hotel A Maquía, beneficiario destas axudas o pasado exercicio para a mellora do sistema eléctrico, un valado circundado e a adquisición de pérgolas

Visita ao hotel A Maquía,
Visita ao hotel A Maquía, / Xunta de Galicia

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, acaba de abrir unha nova orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas de aloxamento e restauración.

Na anterior convocatoria foron 43 os establecementos das bisbarras de Pontevedra e O Salnés os que recibiron estas axudas da Xunta por un total de 719.273 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este luns desta liña de axudas, acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, nunha visita ao hotel A Maquía, emprazado na parroquia de Samieira, que foi beneficiario deste programa o pasado exercicio cunha contía de máis de 7.000 euros para a mellora do sistema eléctrico, a instalación dun valado circundado e a adquisición de pérgolas para a habilitación de distintas zonas do establecemento.

Esta nova orde está orientada a establecementos turísticos de aloxamento e restauración e ten aberto o seu prazo de solicitude, que terá que presentarse a través da sede electrónica da Xunta, ata o vindeiro 7 de marzo.

Os locais interesados, que optarán a unha achega máxima de 50.000 euros, poderán subvencionar actuacións de renovación ou modernización das súas instalacións, actuacións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, obras para a obtención da certificación da Q de calidade ou o incremento de categoría, embelecemento da contorna, adquisición de equipamentos, aforro enerxético, climatización, dixitalización ou melloras de seguridade e saúde.

"Quero animar novamente aos nosos establecementos a que aproveiten esta oportunidade da Xunta para seguir incrementando o gran nivel das súas instalacións e manter, entre todos, a Galicia como destino de moda entre os galegos e os turistas que nos visitan", concluiu o delegado territorial.