Un total de 432 embarcacións de 23 países diferentes recalaron no porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo durante o ano pasado.
Os barcos con bandeira española (275) están á cabeza da listaxe, seguidos Francia (41), Irlanda (28), Portugal (17), Países Baixos (14) ou Alemaña (11), entre outros.
Pero tamén recalaron no municipio embarcacións procedentes de diversos puntos como Nicaragua, Estados Unidos, Rusia, Lituania, Italia, Reino Unido, República Checa ou Australia.
En canto ao tipo de barcos, os de vela seguen na cabeza, 302, seguidos dos de motor, 130.
Tamén se segue percibindo un incremento na eslora das embarcacións que recalan no porto Juan Carlos I. Un total de 178 tiñan até 12 metros de eslora e 120, até 15 metros.
Ademais, a venda de combustible rexistrou un novo repunte en 2025. A gasolineira do porto despachou 314.883 litros de combustible, un 3,1% máis que o ano pasado.
A empresa municipal Nauta Sanxenxo que se encarga de xestionar o porto xa está a recibir petición de reservas para este ano. A apertura destas solicitudes non se producirá até febreiro.
Para dar cabida á súa demanda, o porto deportivo de Sanxenxo dispón dunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, cunha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil.
A entidade ampliou a súa concesión até 2047, vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima coa súa primeira fase xa finalizada.