50 profesionais participan no programa 'Reinventa a túa empresa en tempos do COVID', de AEMPE

Pontevedra
19 de xuño 2020

Francisco Conde, conselleiro de Economía, clausuraba o programa onde se analizaron por parte de expertos en xestión as fórmulas para que as empresas poidan reinventarse ante a nova realidade postpandémica. Os participantes coincidiron na necesidade de colaboración público-privada para saír da crise

Sesión de clausura telemática do programa 'Reinventa a túa empresa en tempos do COVID', de AEMPE
Sesión de clausura telemática do programa 'Reinventa a túa empresa en tempos do COVID', de AEMPE / AEMPE

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria, foi o encargado de clausurar o programa de formación organizado pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (AEMPE) de Pontevedra baixo o título 'Reinventa a túa empresa en tempos do COVID'.

O acto de clausura, que se desenvolvía durante este xoves 18, contou coa participación de José María Corujo, presidente de AEMPE; Pablo  Junceda (director xeral de  SabadellGallego; e Eduardo García  Erquiaga, director de Galicia Business School.

A última sesión centrábase na transformación dixital das empresas e todos os participantes coincidían en destacar a importancia de que se produza unha colaboración entre o sector privado e a administración pública para saír desta situación actual de crise.

José María Corujo afirmaba que, neste momento, é fundamental o asociacionismo empresarial para que os profesionais das empresas aborden os novos retos que se abren no mercado.

Pola súa banda, Francisco Conde insistiu en que desde a Xunta manterase unha liña de esforzo para acompañar e facilitar o incremento da actividade económica do tecido empresarial ante un período en que "a reinvención de cada un de nós e das nosas empresas é unha necesidade e que ese proceso require do traballo en equipo de Administración, empresas, entidades financeiras e institucións formativas".

Este programa desenvolveuse ao longo de oito xornadas durante os meses de maio e xuño coa participación de 50 profesionais que interactuaban en directo a través dun sistema telemático con expertos en xestión para establecer as bases dun plan anticrise para  reformular a actividade empresarial.