530.000 euros para a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios

Pontevedra
08 de abril 2016

Xunto cos que se solicitarán á Deputación, o Concello calcula que con este diñeiro "practicamente" quedarían cubertas as necesidades dos barrios da cidade e da maior parte do rural. "Non dá para todo o concello, pero case", sinalou o edil do BNG

Composteiros no Príncipe Felipe
Composteiros no Príncipe Felipe / Mónica Patxot

A aposta do Concello pola compostaxe é "firme", segundo reiterou este venres o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Pero para poder avanzar nestes plans necesítase primeiro o recipiente onde depositar estes residuos orgánicos, os denominados composteiros -tanto individuais como comunitarios-. E a eles, para a súa compra e posterior instalación, destinaranse 530.000 euros.

No orzamento municipal constaban 130.000 euros para este concepto, un diñeiro que agora será completado con outros 400.000 euros que forman parte dunha modificación de crédito que o goberno municipal levará ao próximo Pleno.

Xunto cos que se solicitarán á Deputación, o Concello calcula que con este diñeiro "practicamente" quedarían cubertas as necesidades dos barrios da cidade e da maior parte do rural. "Non dá para todo o concello, pero case", sinalou o edil do BNG.

O próximo 14 de maio están convocadas as asociacións veciñais de Pontevedra para acordar con elas o lugar onde se instalarán estes composteros comunitarios.

En total, esta modificación de crédito elévase ata os 1.843.275,24 euros. Nela inclúense tamén 514.000 euros para amortización de débeda, 174.000 euros para pagar o último prazo da Rolda Urbana ou 7.500 euros para o arranxo dun lavadoiro.

Ademais, 743.000 euros destinaranse a expropiacións e a adquisición de terreos. Por unha banda porque os propietarios da parcela que acollerá os novos xulgados deben recibir 243.000 euros máis de indemnización, mentres que os expropiados de Pasarón sumarán 286.000 euros ao diñeiro recibido. O resto será para a compra dos antigos terreos de Malvar e dun terreo no Burgo.

Unha segunda modificación de crédito afecta o Instituto Municipal de Deportes. Ascende a 248.021,30 euros, que servirán para sufragar a instalación da caldeira de biomasa do Pavillón Municipal, axudas para a promoción da actividade física e para financiar diversas competicións deportivas.

Ambas as modificacións financiaranse con recursos propios, procedentes de remanente líquido de tesourería.