Este venres 12 de febreiro levouse a cabo a vacinación de 86 profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sen que se rexistrasen incidencias.
58 traballadores deste colectivo recibían a vacina de AstraZeneca no Hospital Montecelo mentres que outros 28, tamén menores de 55 anos, eran vacinados nas instalacións do Hospital do Salnés.
Trátase dun sector profesional que demandaba a vacina canto antes para asegurar a protección das persoas vulnerables ás que prestan atención nos seus domicilios.
Segundo as previsións realizadas pola xerencia da área sanitaria, todo o colectivo que traballa nesta área nas comarcas de Pontevedra e O Salnés xa se atoparía vacinado durante esta xornada.
As próximas doses contra a infección por SARS-CoV-2 están previstas para as xornadas do martes 16 e domingo 21. Nestas datas está previsto que Saúde Pública vacine a persoal non vinculado co SERGAS pero que traballa en centros sanitarios, con prioridade para aqueles profesionais que realizan os seus labores nos hospitais.