O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación bateu o récord anual de adopcións a falta de mes e medio para que finalice este 2021. Segundo indican desde a institución provincial, a semana lográbase alcanzar a cifra de 587 animais adoptados, fronte aos 583 de 2020.
Os últimos en saír foron Martina, Mini, Lola e Gim. Estes catro animais foron recollidos durante os últimos meses por persoal do CAAN. No caso de Martina permaneceu nas instalacións durante dous meses, foi recollida a finais de agosto en Fornelos e atopou un fogar en Caldas, mentres que Mini, Lola e Gim chegaron de Armenteira, Vilaboa e Baiona o 1 de outubro e atoparon o seu novo domicilio en Gondomar.
As mascotas adoptadas ao longo deste ano no centro viaxaron tanto a outros puntos da provincia como ao resto da península Ibérica. A maioría, 513 quedan en Galicia, un foi trasladada a Portugal e outros 73 cans foron a distintas comunidades españolas, sendo Castela e León quen levou á maioría.
Na última semana, o persoal do CAAN tivo que recoller dúas camadas de cinco e catro cachorros na Estrada e Valga. No primeiro caso trátase de tres cadelas, Tani, Tania e Tana e dous machos, Tei e Teide, que se atopaban nunha vivenda semiabandonados. No outro caso rescatouse a tres cadelas Bela, Zeltia e Meiga e ao cachorro Biuti, todos atopábanse nunha tubaxe. Recupéranse no centro de Meis grazas a unha nai adoptiva, Dama, que se encarga de aleitalos.
Ademais, a campaña para fomentar as adopcións desenvolvida pola Deputación a través de 'EduCAANdo', dirixida principalmente a público infantil, está a ser un éxito. Desde varios centros escolares da provincia solicitáronse máis de 700 exemplares do libro 'Benvida á casa, Onza'. Trátase dun material didáctico para que o alumnado coñeza as achegas e as responsabilidades que conleva a adopción dun can.