A empresa que está a executar a construción do novo parque infantil de Médico Ballina pediu ao Concello unha prórroga de dous meses para finalizar as obras.
Así o explicou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que sinalou que a nova data límite fixouse para o 6 de xullo.
A solicitude de Brincatel España, segundo Gulías, está "plenamente xustificada", xa que entre outras cuestións esgrime que a demora na tramitación dos permisos con ADIF atrasou o inicio das obras a xaneiro e que o estado de alarma complicou certas actuacións.
O Concello anunciou ademais que este mesmo luns retomáronse as obras de construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio.
Os traballos, que executa EC Casas por 1.162.536 euros, paralizáronse ao ter que modificar o proxecto por problemas de retranqueo na zona de vestiarios.
Ademais, o goberno municipal ordenou sacar de novo a licitación as obras de rehabilitación integral dos núcleos rurais do Rial, Meáns e Reiriz, proxecto que quedou en suspenso pola quebra da construtora Nexia.
Todas estas zonas xa están, sinalou Anabel Gulías, "minimamente transitables" tras as obras de emerxencia realizadas pola empresa Elsamex, xa que a adxudicataria inicial só completara a quinta parte dos traballos.
Para esta nova licitación, o Concello executou a fianza depositada por Nexia. As obras están orzadas en algo máis de 122.000 euros.