Hefesto era o deus mitolóxico con discapacidade motora. E se toma como referente para o programa de actividades que durante os meses de outubro e novembro se van integrar en tres grandes áreas co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan realizar accións que normalmente non poden desenvolver.
O 18 de outubro no Pazo da Cultura entre as 10 e as 14 horas, monitores da Asociación cultural Black Box Project, poñerán en marcha unha máster-class sobre a cultura Bboying na que participarán as persoas con minusvalidez. Os monitores, que durante a presentación no Concello realizaron unha exhibición das súas prácticas de baile, indicaron que o que buscan é que os participantes "luchen contra las limitaciones psicológicas". Desta forma, intentarán transmitir o movemento escénico, o ritmo ou o tratamento co chan ao realizar os bailes.
Outra interesante actividade desenvolverase o sábado 19 de outubro. Baixo o título de "Discapacidade e cultura moteira", un grupo de 20 persoas con discapacidade poderá subir a unha moto e percorrer a viaxe entre o Miradoiro de Monte Porreiro e unha das prazas céntricas de Pontevedra. Ao redor de 20 integrantes do Grupo de Moteiros de Pontevedra colabora nesta actividade.
E ao longo dos dous próximos meses realizarase unha formación básica músical co obxectivo de realizar un vídeo musical nun estudo de gravación de Pontevedra.
Todas estas actividades formarán parte dun audiovisual que será presentado o martes 3 de decembro, o Día Internacional de Discapacidade, no Teatro Principal ás 20 horas.
Neste programa participarán ao redor de sesenta persoas con discapacidade dunha selección que realizarán as entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: Amizade, Xuntos-Asociación Síndrome de Down, Juan XXIII, Centro Méndez Núñez-Virgen de la O, Alba e Amencer-Aspace. Dende os colectivos afirmaron na presentación que os seus integrantes se mostran entusiasmados con estas propostas.
En todas as actividades existen prazas de acompañante pero, segundo comentou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, coa obriga de que participen nas actividades.