62 pacientes permanecen ingresados por covid-19 nos hospitais de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
23 de novembro 2020

Catro destes pacientes están na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Na área sanitaria se acada a cifra de 5.063 persoas contaxiadas e nas últimas horas detectáronse 78 casos positivos a través das probas PCR. En Galicia o número de infectados sitúase en 49.487 persoas con 9 falecidos nas últimas horas, un deles no Hospital Montecelo

Persoas camiñando por Pontevedra con máscara
Persoas camiñando por Pontevedra con máscara / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés ten 58 pacientes covid ingresados na planta de hospitalización repartidos da seguinte forma: 51 no Hospital Montecelo, 3 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 4 no Hospital do Salnés; ademais mantéñense catro pacientes coa enfermidade na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de  Sanidade, permanecen 1.172 casos  covid evolucionando no seu domicilio e na área hai un total de 1.234 persoas enfermas. Nas últimas horas, a través das 686 probas PCR realizadas detectáronse 78 novos casos positivos.

Durante as últimas horas tamén no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra falecía polo virus un home de 81 anos, que presentaba patoloxías previas. Con esta nova vítima o número de mortes por esta causa ascende a 48 na área sanitaria desde o inicio da pandemia.

En Galicia o número de infectados sitúase en 49.487 persoas con 9 falecidos nas últimas horas, 459 persoas hospitalizadas en planta e 100 nas Unidades de Coidados Críticos.