A Deputación de Pontevedra dará a coñecer este xoves no Espacio Atlántico, a nova casa de comidas en Madrid do cociñeiro Pepe Solla, as 62 razóns, unha por cada un dos concellos da provincia, para vir ás Rías Baixas.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, xunto co deputado delegado en turismo, Santos Héctor, deron a coñecer esta actuación, dirixida a touroperadores e medios nacionais e especializados en turismo, que promoverá os recursos e temas singulares que cada concello da provincia de Pontevedra seleccionou e aportou á Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento da campaña.
Durante a súa participación en Fitur, Rías Baixas iniciou unha serie de accións de promoción do destino turístico escollendo como eixo a arquitectura contemporánea, acadando unha importante repercusión, segundo destacou a presidenta provincial.
Nesta ocasión, na segunda acción promocional de Rías Baixas, cada concello aportou un tema singular, escollendo algúns deles unha festa de interese turístico, outros optaron por eventos gastronómicos, tamén hai ofertas de paisaxe e natureza, e incluso un ciclo de cinema, "moitas e moi variadas razóns para vir ás Rías Baixas", resumiu Carmela Silva.
Estes temas recóllense nun libro que vai incluído nunha caixa sorpresa que será entregada como agasaio este xoves en Madrid na presentación que fará Pepe Ribagorda, director de informativos Telecinco fin de semana, "gran coñecedor de Galicia e namorado das Rías Baixas", tal e como asegurou a Presidenta da Deputación.
Ademais, tamén participarán no acto promocional representantes de concellos da provincia de Pontevedra, da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo e David Machado, recente gañador do Goya ó mellor son pola película "El desconocido" e que ten a punto de estrear "Toro" de Kike Maillo, rodada na cidade olívica. Ó respecto, Carmela Silva manifestou a aposta da institución provincial por "visibilizar que a provincia de Pontevedra é moi adecuada para a cinematografía".
No transcurso do evento tamén se darán a coñecer aspectos que definen ás Rías Baixas como é o turismo natural, da man da camelia, flor do inverno; a música, destacando festivais musicais como o Festival do Norte, Sinsal, PortAmérica, Cultura Quente, Revenidas ou Atlantic Fest; arquitectura contemporánea e gastronomía, poñendo en valor tanto a calidade do produto de proximidade como a profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra.