Increméntase cun novo ingreso o número de persoas diagnosticadas por covid-19 hospitalizadas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, este sábado 5 de febreiro atópanse 72 pacientes ingresados por esta enfermidade.
49 enfermos atópanse internados en planta de hospitalización do Hospital Montecelo, un máis que o venres; 14 no Hospital do Salnés; 3 no Hospital Quirón Saúde. Ademais, continúan ingresados na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo seis pacientes con covid.
Nesta xornada, o Sergas indica que hai un total de 6.289 casos activos na área sanitaria, 215 menos que o venres 4. Deste total, 6.217 recupéranse nos seus domicilios.
No Concello de Pontevedra rexístranse este sábado 1.966 casos positivos, 47 menos que o venres.
Durante as últimas 24 horas realizáronse 670 probas diagnósticas na área, con resultado de 530 novos casos detectados. O número de falecementos é de 246 pacientes desde o inicio da pandemia e curáronse 45.385 persoas, 740 máis que na xornada de onte.
DATOS EN GALICIA
O dato máis rechamante en Galicia durante esta xornada é que se rexistraron 4.912 positivos novos de covid-19 nas últimas 24 horas. Trátase de 105 contaxios diarios máis respecto a a xornada do venres e 696 menos en relación aos datos ofrecidos no último sábado de xaneiro, hai unha semana.
Baixa o número de casos activos en Galicia para situarse nunha cifra de 60.307 enfermos, 1834 menos que onte. Estes casos repártense da seguinte forma por áreas sanitarias: Vigo: 15.724 (-575); A Coruña-Cee: 12.935 (-517); Santiago-O Barbanza: 10.398 (-113); Pontevedra-O Salnés: 6.289 (-215); Lugo: 6.217 (-212); Ourense: 5.915 (-113); e Ferrol: 2.829 (-89).
O número de falecidos rexistrados nas últimas horas é de 8 pacientes, que superaban os 78 anos, elevando o número de decesos en Galicia desde o inicio da pandemia a 2.969 persoas.
Na comunidade autónoma, este sábado rexístrase un total de 643 persoas hospitalizadas en planta, 25 menos que o venres, pero con 44 internos nas unidades de Coidados Críticos, tres casos máis que na xornada do venres 4.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.