830.000 euros para renovar as instalacións da lonxa pesqueira de Marín

Marín
23 de abril 2024

Estes traballos, que teñen un prazo de execución de oito meses e medio, serán executados pola empresa Betazul, que presentou a mellor oferta das catro compañías licitantes. A lonxa de Marín está en servizo desde 1976

O Porto de Marín destinará 830.000 euros ás obras para a renovación e mellora das instalacións interiores da lonxa pesqueira.

Estes traballos, que teñen un prazo de execución de oito meses e medio, serán executados pola empresa Betazul, que presentou a mellor oferta das catro compañías licitantes.

A lonxa de Marín está en servizo desde 1976 e a súa proximidade á contorna salina fai necesaria a renovación puntual das bases articuladas dos seus piares.

Os traballos conlevan a montaxe dunha estrutura metálica auxiliar para a revisión, renovación estrutural e disposición de novas rótulas nos piares. 

A Autoridade Portuaria sostén que o mantemento das instalacións e servizos que se prestan ao sector pesqueiro é unha prioridade e así o recolle no seu plan de investimentos.

Así, as obras na lonxa contan con cofinanciamento europeo para a súa realización, a través de Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura.