O Día Internacional da Muller tamén se conmemora este mes no centro penitenciario da Lama cunha serie de actividades que tiveron como acto central unha xornada de convivencia e reivindicación por parte das internas este mércores 8 de marzo.
Neste penal pontevedrés, hai internas no módulo de mulleres común e tamén nun módulo de respecto mixto, nun módulo educativo-terapéutico mixto e na enfermería. Todas elas participaron nesta xornada de convivencia, na que procederon a dar lectura a un manifesto reivindicativo elaborado polas internas do módulo educativo-terapéutico.
As reivindicacións destas mulleres que están privadas de liberdade coinciden coas realizadas en mobilizacións feministas realizadas este mércores por toda España, entre elas, o fomento da corresponsabilidade entre mulleres e homes, a loita contra a violencia de xénero ou o papel das mulleres no eido rural.
Estes actos centrais deste mércores estiveron presididos polas subdirectoras de tratamento y de xestión do centro e contaron coa participación da súa directora, Teresa Delgado.
O departamento de igualdade creado no centro no ano 2020 fomenta este tipo de iniciativas e vela pola aplicación dunha perspectiva de xénero en todas as actividades que se realizan no centro.
As actividades do 8M celébranse neste centro durante todo o mes e están tamén acompañadas de outras iniciativas complementarias como, por exemplo, a participación de cinco internas do Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo no Pleno especial do Consello das Mulleres de Vigo.
A loita pola igualdade é unha constante no centro penitenciario da A Lama, onde desde o ano 2018 se están a poñer en marcha todo tipo de programas e actuacións que buscan equiparar os dereitos e as condicións de vida durante o tempo de cumprimento da condena entre as internas e os internos.