Un 9% dos bebés nados este ano no Hospital Provincial foron prematuros

Pontevedra
18 de novembro 2024

A Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros entrega o patuco de honra á supervisora de enfermaría de Pediatría do Hospital Provincial con motivo do Día Mundial do Prematuro

Entrega do Patuco de Honra á supervisora de enfermaría de Pediatría do Hospital Provincial
Entrega do Patuco de Honra á supervisora de enfermaría de Pediatría do Hospital Provincial / Sergas

Entre xaneiro e novembro deste ano 2024 naceron 91 bebés prematuros no Hospital Provincial, unha cifra que supón o 9% do total de nacementos neste centro pontevedrés. 

Son datos facilitados pola unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con motivo do Día Mundial do Prematuro, que se conmemorou o domingo 17 de novembro. 

Desde o Sergas lembran que a prematuriedade sucede nalgúns partos múltiples ou cando se dá algún tipo de patoloxía materna como hipertensión ou diabetes. 

A Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros -AGAPREM- quixo render homenaxe neste día á supervisora de enfermaría do servizo de Pediatría, Elvira de Sola Repetto

En recoñecemento á súa traxectoria profesional e "gran labor no coidado dos meniños e empatía e agarimo coas familias dos nenos", entregáronlle o Patuco de Honra.

O patuco entregouno Ana Valuja, nai de Olivia, unha nena prematura nacida no Hospital Provincial en 2018.

A homenaxeada amosou a súa emoción, agradecemento e profunda satisfacción por este recoñecemento e sinalou que dende o inicio da súa traxectoria asistencial adicouse á atención infantil por vocación e entrega aos máis pequenos enfermos, pero mantendo unha permanente relación co seu entorno familiar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora