90.000 euros para o mantemento de seis colexios do concello

Pontevedra
07 de setembro 2016

Un total de case 90.000 euros destinou o Concello de Pontevedra para acometer diferentes traballos de mantemento durante o verán en seis centros educativos do municipio. O curso escolar de Educación Infantil e Primaria comezará o próximo luns 12 de setembro e, segundo o Concello, estas obras permitirán que os centros cheguen a punto a esta data

Visita ás obras do colexio Xunqueira 1 / ARQUIVO PontevedraViva

Un total de case 90.000 euros destinou o Concello de Pontevedra para acometer diferentes traballos de mantemento durante o verán en seis centros educativos do municipio.

O curso escolar de Educación Infantil e Primaria comezará o próximo luns 12 de setembro e, segundo o Concello, estas obras permitirán que os centros cheguen a punto a esta data.

Así, no CEIP Vilaverde-Mourente arranxáronse os falsos teitos, no CEIP A Xunqueira 1 melloráronse as dúas escaleiras exteriores e un treito do muro exterior e no CEIP A Xunqueira 2 colocouse unha nova varanda e un porteiro electrónico.

Ademais, no CEIP San Martiño-Salcedo limpáronse as fachadas do centro e aplicáronse pintura e tratamentos hidrofunxentes, na EEI Crespo Rivas fixéronse traballos de mantemento do patio exterior e no CEIP Manuel Vidal Portela cambiáronse os letreiros de sinalización das aulas.