A convocatoria para a celebración da 67 edición do concurso de maios e embarcacións, organizada polo Ateneo Santa Cecilia de Marín, segue en pé.
Nesta ocasión, e debido ás actuais circunstancias de confinamento pola alerta sanitaria ante o COVID-19, non é posible celebrar o concurso tradicional en rúas e prazas onde nenos e nenas acoden cos maios e as embarcacións, interpretando as súas coplas para que o xurado os valores e puntúe.
É por iso, que mantendo a tradición que leva celebrando en Marín desde o ano 1953, a asociación organizadora mantén en pé a convocatoria para o día 1 de maio coas seguintes bases:
- Poden participar todos os nenos e nenas que queiran, ben de maneira individual ou con familiares que convivan na mesma casa, ata os 12 anos de idade inclusive.
- A participación pode ser mediante debuxos ou pinturas dos maios tradicionais de Marín, coa forma cónica, a coroa e toda a súa ornamentación, ou ben o debuxo dunha embarcación.
- Terán que compoñer unha copla orixinal en galego, do tipo tradicional que non excesa as seis estrofas.
- Establécense dúas categorías por idade para a participación en debuxos de maios e embarcacións, con tres premios en metálico e diploma en cada categoría (Categoría A: ata os 8 anos. Categoría B: de 9 a 12 anos).
- Haberá tres premios e diploma para os gañadores das coplas dos maios e tres premios para os gañadores das coplas das embarcacións.
- Todos os participantes recibirán un diploma de participación. Por iso, deberán enviar por correo o nome completo e idade e unha autorización asinada polos proxenitores, permitindo a difusión e exposición por parte do Ateneo dos debuxos e coplas gañadoras.
- Todos os traballos serán valorados por un xurado composto por membros da directiva do Ateneo Santa Cecilia e do Concello de Marín.
- Os debuxos e as coplas enviaranse ao correo [email protected] antes das 24 horas do 30 de abril.
- O xurado non valorará os traballos que non cumpran as bases do concurso.
- Os resultados faranse públicos e comunicaranse aos gañadores en canto o xurado emita o seu veredicto.
En canto á entrega dos premios e diplomas, a organización do concurso informará a todos os participantes e farase nun acto público no local do Ateneo Santa Cecilia en canto a situación de alerta sanitaria termine.