A actriz Casilda Alfaro reflexiona en Bueu sobre a violencia machista

Bueu
24 de abril 2017

O acto, inserido no programa provincial "Violencia Zero: Mulleres en acción" contou cunha gran presenza do alumnado dos centros da vila, e nel estiveron a presidenta da Deputación, a deputada de igualdade, e o alcalde da vila, entre outros

Acto en Bueu do programa "Mulleres en  Acción. Violencia Zero"
Acto en Bueu do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" / Deputación de Pontevedra

A Praza Massó de Bueu ateigouse este luns de alumnos dos centros educativos de Bueu que puideron ver e reflexionar sobre a violencia machista no marco do programa "Violencia Zero: Mulleres en acción" posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que inclúe accións artísticas en vinte e cinco concellos da provincia.

No acto estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de igualdade, Isaura Abelairas, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, ademais doutros edís tanto da corporación, como Teresa López, Manolo Otero (BNG), ou José Manuel Vilas (PSOE).

Carmela Silva comezou a súa intervención apelando ao seu compromiso "coa  igualdade de todas as persoas" e facendo un chamamento para concienciar ao conxunto da cidadanía contra unha das maiores lacras que temos na sociedade, e que se dá tanto no ámbito profesional como persoal.

A presidenta do ente provincial fixo referencia a que "desde que se teñen rexistros houbo máis de 800 mulleres asasinadas no noso país, unha cifra máis elevada cás vítimas de ETA, polo que é preciso reflexionar". Silva insistiu na defensa de cambiar o mundo desde a educación, e por iso agradeceu a todo o alumnado a súa presenza neste acto que se desenvolveu no mediodía deste luns.

Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, lembrou o compromiso que o consistorio ten dende hai moitos anos coa igualdade, o que se demostra nos actos que se organizan polas dúas efemérides do 25N e 8M, nas que se recoñece especialmente ás mulleres maiores que foron esquecidas ao longo do tempo e que teñen realizado unha fonda labor na nosa historia. Juncal destacou que "a nova Deputación está traballando cunha nova sensibilidade e nesa loita sempre vai poder contar co Concello de Bueu".

A acción en concreto consistiu na interpretación dunha peza dramática de reflexión sobre a violencia machista e o que supón ser muller, a cargo da actriz Casilda Alfaro en colaboración con Sonia Rúa, e na que participaron tamén Rosa Gantes, Julia Abal, Dai Peña e María Fernández, ademais de Xosé Rocha ao violoncello.