Este venres comezaba na praza da Peregrina o programa de diálogos En3vistas que promove o Concello de Pontevedra. Nesta ocasión, a actriz e presentadora María Mera era entrevistada por Conchi Cochón, do Servizo de Normalización Lingüística municipal.
María Mera é a protagonista de 'O sabor das margaridas', a primeira serie emitida en lingua galega na plataforma Netflix e que, tras o seu éxito na Televisión de Galicia, converteuse na séptima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e en Irlanda.
A actriz que interpreta á carismática Rosa Vargas na ficción falou durante este encontro sobre a importancia do galego na súa vida e animaba ás persoas máis novas a falalo e a sentilo "como un tesouro, un patrimonio". Explicou que as súas dúas fillas é a lingua que están a aprender e que empregan porque son criadas nese idioma con normalidade dentro do ámbito familiar.
"Teño clarisimo que as miñas nenas quero educalas galego. Para min é un valor que saiban falalo", engadiu, tras defender que as redes sociais, nas que ela mesma se expresa en galego, son "importantísimas" para difundir o idioma propio de Galicia..
Indicou que non se pode mandar na lingua que os menores queiran falar pero si é preciso que o saiban e que "estean orgullosos de poder falala en todos os ámbitos". María Mera recoñece que na súa profesión de actriz devece por traballar na súa terra e facelo en galego e acompañada da súa familia nas rodaxes.
"Quero chegar á xente de aquí e non tanto á de fóra", asegurou indicando que para ela a prioridade está en Galicia e amosouse encantada co seu personaxe en 'O sabor das margaridas' ao tratarse dun rol protagonista e complexo inmerso nun thriller en que non depende dun home. "Debe de haber unha parte de min á que lle gusta ese personaxe solitario", apuntou recoñecendo que traballa desde as emocións que o papel lle transmite.
A actriz recomendou á xente que ten medo a falar habitualmente galego que "se tiren. Se todos fixésemos así non existiría o galego. Hai que falalo e ensinalo aos que veñen detrás".
O luns continuará o ciclo En3vistas con Kin Martínez, director de Esmerarte e Portamérica, dialogando co cociñeiro Javier Olleros na Rúa Serra. Estas sesións poden seguirse a través das redes sociais do Concello de Pontevedra.