A Aixola oferta catro novos cursos gratuítos no seu centro do porto de Marín

Marín
21 de xaneiro 2021

Estes cursos, que se desenvolverán nos primeiros meses de 2021, están dirixidos a operarios do sector pesqueiro, así como a pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición está aberta a través da páxina web do centro

Centro de formación Aixola
Centro de formación Aixola / CETMAR

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, pon en marcha catro novos cursos que se desenvolverán nos primeiros meses de 2021 cunha oferta de 51 prazas na súa sede situada no porto de Marín.

Estes cursos son gratuítos e están dirixidos a operarios do sector pesqueiro, así como a pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición está aberta a través da páxina web do centro (http://aixola.cetmar.org).
 
Estas actividades formativas comezarán o vindeiro 29 de xaneiro, cando está previsto o inicio das clases do curso de "Reparación de embarcacións pneumáticas" que, cunha duración de 300 horas e 12 prazas, desenvolverase ata o 30 de abril.

En febreiro darán comezo dous novos cursos, o de "Electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque", que con 12 prazas e 275 horas terá lugar do 1 de febreiro ao 26 de abril; e o curso de "Elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores", con 300 horas e 15 prazas, e que se prolongará do 12 de febreiro ao 14 de maio.

A programación formativa completarase co curso de "Confección e mantemento de artes e aparellos de pesca". As datas desta actividade, que terá unha duración de 330 horas, están pendentes de confirmación.