A alcaldesa de Moraña critica que a Deputación só asfaltase a estrada Mane-Rebón no treito pertencente a Barro

Umia
10 de xuño 2020

Para a rexedora, Luisa Piñeiro, "co pintado realizado aínda semella máis pequena e isto, unido ao mal estado do firme, prexudica á seguridade vial e incrementa o risco de sinistralidade". Os veciños da parroquia de Rebón están dispostos a emprender mobilizacións se o organismo provincial non lles dá resposta

Visita da alcaldesa de Moraña á estrada EP-0503 Mane-Rebón
Visita da alcaldesa de Moraña á estrada EP-0503 Mane-Rebón / Concello de Moraña

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de esixir unha "solución inmediata" por parte da Deputación de Pontevedra á situación da estrada EP-0503 Mane-Rebón no seu treito correspondente co termo municipal morañés despois de comprobar que o organismo provincial limitou o seu arranxo ao pintado lateral da calzada, a pesar de que o firme se atopa en moi mal estado.

A rexedora percorría a estrada para comprobar o resultado da sinalización vial realizada en Rebón. "É unha estrada moi estreita que precisa dunha ampliación como a que estaba en marcha en 2015 co anterior goberno provincial e que incomprensiblemente foi paralizada, pero é que co pintado realizado aínda semella máis pequena e isto, unido ao mal estado do firme, prexudica á seguridade vial e incrementa o risco de sinistralidade", declaraba Piñeiro.

Para a alcaldesa de Moraña existe un agravio comparativo co treito desta mesma vía pertencente ao Concello de Barro, que si foi asfaltado, mentres que estas melloras "nolas negan a Rebón e a Moraña".

Ante esta situación, Piñeiro solicita reunións de carácter urxente: coa Deputación, para abordar este asunto "que está a tomar un cariz excesivo de desprezo polo noso Concello e os nosos veciños", sinala a rexedora; cos responsables provinciais de Vías e Obras, para reiterarlles a demanda do Goberno local; e outra por parte dos representantes da Deputación na propia parroquia de Rebón cos seus veciños, que xa lle trasladaron a súa indignación co organismo provincial e informaron que están dispostos a emprender mobilizacións para defender os seus dereitos e a seguridade desta estrada.

Finalmente, a rexedora lembrou que, despois de que o organismo provincial paralizase en 2015 as obras de ampliación que estaban en marcha, comezou unha serie de encontros co anterior deputado delegado desta área, Uxío Benítez, que non chegaron a bo porto.

Máis recentemente, o pasado mes de xaneiro, entregoulle unha carta en persoa ao titular actual, Roberto Agís, coas peticións en infraestruturas, e mantivo unha xuntanza co mesmo sen que a situación da estrada se solucionase.