A alcaldesa de Moraña pide que se retome o proxecto de reforma de Louzán para a estrada de Rebón

Umia
04 de novembro 2016

A alcaldesa de Moraña e un grupo de veciños de Rebón reclamaron este venres que a Deputación retome o proxecto do anterior presidente da institución, Rafael Louzán, para reformar a variante e solucionar os problemas ocasionados polo fluxo de tráfico e de vehículos pesados na EP-0503 ao seu paso por este lugar

A alcaldesa de Moraña cun grupo de veciños de Rebón
A alcaldesa de Moraña cun grupo de veciños de Rebón / PP provincial

A alcaldesa de Moraña e un grupo de veciños de Rebón reclamaron este venres que a Deputación retome o proxecto do anterior presidente da institución, Rafael Louzán, para reformar a variante e solucionar os problemas ocasionados polo fluxo de tráfico e de vehículos pesados na EP-0503 ao seu paso por este lugar.

A alcaldesa de Moraña e deputada provincial, Luisa Piñeiro, que estivo acompañada pola voceira do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, mantivo un encontro cun grupo de veciños que viven en Rebón. 

"O que queda claro hoxe é que os veciños queren a variante e queren volver a este proxecto. Non están conformes coa reforma que propón o bipartito da Deputación, porque non é unha solución ao problema. É simplemente botar unha capa de asfalto, non contempla ningún ensanche nin ningunha ampliación de carril ou de arcén", denunciou a alcaldesa popular.

Luisa Piñeiro apuntou que "é certo que esta estrada a utilizan moitos veciños doutras parroquias de Moraña, porque é unha vía de saída cara Pontevedra, pero os que hoxe estaban reunidos eran os veciños que cada día se enfrontan a situacións de perigo e foron moi claros coa súa opinión".

A alcaldesa e deputada do PP salientou durante a reunión que o único obxectivo que busca é resolver o problema, e recordou que co anterior goberno provincial presentáronse ata seis alternativas e finalmente se optou pola variante porque era a opción que elixiron os veciños.

"Témonos reunido con máis de cincuenta veciños para decidir o proxecto, así que eu pregunto por que agora se toman decisións e se fai unha nova proposta desde un despacho e non se consensúa cos afectados?", engadiu Luisa Piñeiro.

Sobre as "escusas" que a xuízo da popular está poñendo o bipartito para xustificar a anulación da obra, Luisa Piñeiro manifestou que "ninguén pode dicir que esta obra era unha ilegalidade porque non hai ningún informe técnico que así o diga, o que teñen é unha resolución de contratos redactados pola Deputación, pero que en ningún caso é un informe técnico dun perito competente nin dos organismos afectados por este proxecto".