A ampliación do centro de recuperación de fauna silvestre de Carballedo estará feita a final de ano

Cerdedo Cotobade
19 de outubro 2020

Antes de final de ano. Previsiblemente, en novembro. É a data na que a Xunta de Galicia prevé que estean rematadas as obras de reforma e ampliación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, xa que os traballos están moi avanzados

Plano da segunda fase do centro de fauna silvestre de Carballedo
Plano da segunda fase do centro de fauna silvestre de Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Antes de final de ano. Previsiblemente, en novembro. É a data na que a Xunta de Galicia prevé que estean rematadas as obras de reforma e ampliación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, xa que os traballos están moi avanzados.

Nesta actuación, que está executando empresa Arines Obras y Proyectos, o goberno galego está a investir preto de 175.000 euros.

As obras que se están a realizar consisten na construción dun túnel de voo para facilitar a práctica das aves recuperadas, previamente á súa solta no medio natural, e unha instalación con piscinas e zona de baño para a recuperación de aves acuáticas.

Concretamente, disporá dun estanque e seis piscinas máis reducidas con divisións móbiles entre elas, de maneira que poidan xuntarse dúas. Terá o perímetro valado e unha cubrición con tela metálica para evitar a fuga dos animais.

Os rexistros de entrada de animais en Carballedo demostran que o 90% dos ingresos son aves e entre elas, predominan as aves rapaces e acuáticas, polo que se estimou necesario reforzar as instalacións mellorando as dotacións dirixidas a garantir a rehabilitación destas especies.

Esta actuación dá continuidade aos traballos executados no centro nunha primeira fase, que rematou a finais do ano 2018 e na que a Xunta investiu preto de 500.000 euros.

Naquela reforma levouse a cabo a adecuación dun edificio que xa existía para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria, así como a construción dun novo inmoble destinado á recuperación dos exemplares tratados e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.