A ampliación do Hospital do Salnés evoluciona segundo os prazos previstos

O Salnés
19 de agosto 2015

A ampliación do hospital, cofinanciada polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, supón un investimento  de preto de 7,8 millóns de euros

Visita ás obras do Hospital do Salnés
Visita ás obras do Hospital do Salnés / Xunta de Galicia

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acompañada polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitou este mércores as obras de ampliación do Hospital do Salnés, onde puido comprobar como se están a desenvolver os traballos, que están a cumprir os prazos establecidos.

Durante a visita, Mosquera sinalou que a ampliación do hospital, cofinanciada polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, supón un investimento de preto de 7,8 millóns de euros, e que "as novas instalacións facilitarán a actividade dos magníficos profesionais que traballan neste centro, o cal irá en beneficio dos pacientes".

A obra contempla a construción dunha nova infraestrutura que afectará a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de máis de 4.100 metros cadrados, dos que uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma.

A conselleira remarcou que se trata dunha obra moi complexa ao que se engade o feito de ter que realizala coa mínima repercusión na actividade asistencial do centro, que permanecerá en funcionamento durante o transcurso da mesma. Ao respecto, felicitou ao persoal das obras, ao equipo directivo da xerencia polo seu excelente labor de planificación e coordinación "e, por suposto, aos profesionais do centro".