A análise Big Data da Deputación confirma a boa reputación das Rías Baixas como destino turístico

Pontevedra
23 de xullo 2021

A presidenta provincial Carmela Silva analizou este venres os datos e destacou que existe un alto interese polo turismo cultural e activo con propostas naturais, deportivas e de aventura

As principais mencións sobre a mobilidade na provincia fixéronse desde Francia e Portugal
As principais mencións sobre a mobilidade na provincia fixéronse desde Francia e Portugal / Deputación de Pontevedra

A marca turística Rías Baixas - Pontevedra creceu un 14% durante os meses de maio e xuño na análise Big Data que realiza a Deputación de Pontevedra para detectar os gustos das persoas que utilizan as redes sociais e outras plataformas dixitais.

Durante estes dous meses realizáronse 282.275 mencións, segundo os datos obtidos pola firma Brandwatch, con máis de 80.000 autores e medio millón de impactos. 

Os elementos que espertan un alto grao de interese entre estas persoas céntranse no turismo activo e a cultura, de forma que, segundo Carmela Silva, presidenta da Deputación, as Rías Baixas consolídase como destino multiexperiencial, con valores recoñecidos como a paisaxe, as actividades na natureza e prácticas deportivas e de aventura.

Ademais, a presidenta destacaba tamén a importancia que se outorga á mobilidade amable, con referencias realizadas principalmente desde Francia e Portugal. Todos estes elementos, segundo Silva, favorecen a desestacionalización turística, unha circunstancia que "é preciso aproveitar", segundo apuntou.

As consideracións negativas apenas chegaron a un 3%. Pola contra, a presentación da campaña en Fitur, a bandeira azul dos areais e a normativa de areais sen fume de tabaco son os contidos que alcanzaron unha maior difusión.

Esta análise tamén mostra que existe un alto interese por espectáculos e eventos musicais, sobre todo os relacionados co Rías Baixas Fest. As mencións no apartado de cultura aumentaron un 188% e no caso das ofertas de lecer e aventura incrementáronse un 572% respecto a os meses anteriores.

Os sorteos da campaña #MomentosRíasBaixas, con fotografías de momentos especiais lograron máis de dous millóns de impactos, coa participación activa de 10.000 internautas e a publicación de máis de 3.000 imaxes.

A presidenta sinalou que estes datos ofrecen unha perspectiva sobre as liñas de traballo a seguir centrándose nos aspectos que poden lograr unha maior demanda na oferta turística máis ala do turismo de sol e praia.