A apañar silveiras para poder xogar ao fútbol en Seixo

Marín
07 de maio 2017

Directivos e socios do Centro Recreativo de Seixo fixeron unha limpeza a fondo do campo de fútbol de Seixo que o Concello de Marín lles entregou recentemente. Quéixanse de que se atopa nun estado de total abandono

Directivos e socios do Centro Recreativo de Seixo limpan o campo de fútbol
Directivos e socios do Centro Recreativo de Seixo limpan o campo de fútbol / Centro Recreativo de Seixo

Recentemente o Concello de Marín revertía ao Centro Deportivo e Recreativo de Seixo os terreos nos que se atopa o campo de fútbol na leira coñecida como Trasadevesa. A intención do goberno local de María Ramallo era construír un pavillón neste espazo xa que alega que o campo de fútbol actual non cumpre coas medidas regulamentarias.

Con todo, desde a sociedade deportiva, propietaria da leira, apuntan a que queren estes terreos para a práctica de fútbol exclusivamente.

Desta forma socios e directivos do centro deportivo subiron a un tractor e levaron os aparellos de labranza para pasar as últimas horas limpando este espazo de silvas, salgueiros e de matogueiras que se estenderon por todo o terreo de xogo. Indican que non terminaron todo o traballo e que deberán volver para deixar a zona en condicións para a práctica deportiva. 

Denuncian que en setembro de 2016 presentaron polo rexistro do Concello a través do grupo municipal de Marea Veciñal de Marín unha solicitude para que se acometese a limpeza deste espazo.

"Deixan o campo a silvas e despois aínda teñen a desvergoña de dicir que o campo non vale para xogar ao fútbol" apuntan desde a sociedade, que se queixa do total abandono en que o goberno local mantivo a instalación deportiva.