A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) denuncia que o 4 de xullo, ao redor das 13.00 horas, integrantes deste colectivo observaron unha vertedura á altura das pontes do tren sobre o Lérez, na zona que se abre cara aos denominados Salóns do Lérez.
Este xoves a vertedura aumentou e, segundo a asociación, resulta "máis preocupante" debido á súa influencia nunha zona de interese ambiental. Desde a APDR indican que informaron xa á persoa responsable do Ciclo da Auga no Concello.
O aspecto visual que ofrece é entre marrón e vermello. O colectivo que preside Antón Masa, por esa tonalidade, sospeita que se trate dunha vertedura de terras procedentes dalgunha obra que se execute na contorna, mesmo non descartan que se trate dun desprendemento dalgunha infraestrutura viaria.
A APDR reclama unha especial vixilancia sobre a calidade das augas impedindo este tipo de verteduras incontroladas. Demandan tamén que se persigan aquelas condutas contrarias á protección do medio ambiente.