A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) fai unha chamada de atención sobre o "aumento exponencial dos campos electromagnéticos (CEM) artificiais de baixa e alta frecuencia" no municipio e alerta "do seu risco potencial para a saúde das persoas, especialmente dos nenos e das nenas e outros grupos sensíbeis".
Ante tal situación, que relacionan de xeito especial coas tecnoloxías sen fíos (teléfono móbil ou wi-fi fundamentalmente), piden ao Concello de Pontevedra que impulse unha campaña de concienciación dentro da Axenda 21 escolar polo uso moderado e racional de teléfonos móbiles entre os nenos.
Esta petición vai en liña coa Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, que alerta dos "riscos específicos do uso precoz, indiscriminado e prolongado dos teléfonos móbiles e doutros dispositivos emisores de microondas".
Julio Carmona Barros presentou esta petición en rolda de prensa este martes, pero xa foi remitida tamén ao propio Concello. Solicítanlle tamén "utilizar para a divulgación desta campaña os medios publicitarios que dispón o Concello de forma gratuíta: en revistas municipais, redes sociais, web do concello".
Entre as peticións formuladas ao Goberno local pontevedrés engaden que se busquen "posibles fontes de financiamento externas e independentes" e que se inclúa "unha campaña específica de Nadal, como acción enfocada ao consumo responsable e a saúde infantil".
Unha vez que se valoren os resultados de devandita campaña, instan ao Concello a que decidan a súa incorporación en posteriores anos. Como petición final, instan ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a que inclúa no próximo Pleno ordinario da Corporación con carácter de urxencia e que se poña de acordo en presentar unha moción conxunta segundo o solicitado por esta asociación.
Na súa opinón , "as razóns veñen dadas para contrarrestar a dinámica actual de ausencia de medidas urxentes e efectivas na nosa comunidade para salvagardar o principio de precaución".