A marcha da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) deste ano será a primeira sen actividade da empresa electroquímica Elnosa en Lourizán e Antón Masa, presidente do colectivo, espera que sexa a última con Ence na súa actual localización.
Á espera de que a Audiencia Nacional tome unha decisión sobre a prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy a principios de 2016 para conceder a Ence 60 anos máis na ría de Pontevedra, a APDR organiza a marcha deste ano esperanzada en que a fábrica pasteira abandone os terreos de dominio público que ocupa na actualidade. Por este motivo, realizarán unha marcha "lúdica e luminosa", que se levará a cabo o domingo 16 con partida desde as alamedas de Marín e de Pontevedra ás 12.00 horas e percorrido ata a empresa. Ao termos celebrarase unha comida na alameda pontevedresa con polbo e diversos produtos típicos.
Antón Masa indicaba este mércores que espera que todo se poida desenvolver sen incidencias e cre que sería un erro que os traballadores da factoría tentasen levar a cabo algún boicot desta protesta. Masa considera que o persoal de Ence tamén tomou un "camiño errado" por esixir ás administracións unha solución que lle corresponde á empresa.
A Asociación pola Defensa dá Ría entende que a anulación da prórroga por parte da Audiencia Nacional e tras o achantamento da Avogacía do Estado debería levarse a cabo ao entender que é ilegal porque as concesións de permanencia en terreos de dominio público non poden superar os 75 anos e tampouco é unha empresa que pola súa actividade precise estar nesa localización. Neste sentido, Masa preguntouse como outras fábricas de papel non están en terreos de dominio público ou tamén se Ence finalmente marcha fóra do Estado ten previsto ocupar tamén un terreo destas características noutro territorio.
Ademais, sinalou que as eleccións municipais demostraron que unha maioría social ampara a marcha de Ence da ría, xa que tanto na cidade como nos concellos da contorna obtiveron unha maioría de votos os partidos que están a favor de que a empersa abandone esta localización.
Carmen Peña, integrante da APDR, explicou que para a marcha do domingo 16 de xuño realizaron mil carteis cunha imaxe da pintora Rosa Fernández Camaño na que unha serea afirma que "Eu tamén vou á marcha!" e tamén se imprimiron 20.000 folletos para repartir polas rúas coa intención de que se converta nunha acción masiva.