A apertura do centro social de Alende cunha unidade pública de alzhéimer, a principios de 2020

Umia
15 de novembro 2019

A alcaldesa de Moraña Luisa Piñeiro visitaba este venres as obras de construción deste novo centro que contempla a rehabilitación da ántiga cámara agraria. O orzamento dos traballos é de 258.000 euros cofinanciado por Xunta e Concello

Rehabilitación da antiga cámara agraria de Alende para reconvertila en Centro Social e Veciñal con unidade para persoas con Alzhéimer
Rehabilitación da antiga cámara agraria de Alende para reconvertila en Centro Social e Veciñal con unidade para persoas con Alzhéimer / Concello de Moraña

Luisa Piñeiro, a alcaldesa de Moraña, realizaba este venres unha visita ás obras de rehabilitación integral do edificio histórico da antiga cámara agraria de Alende, situado na parroquia de Santa Xusta. Este edificio converterase nun centro social a principios de 2020. 

Estas semanas estanse intensificando os traballos despois da canalización da liña telefónica e o corte das árbores que creceran no interior do inmoble.

O orzamento das obras achégase aos 260.000 euros. A consellería de Política Social da Xunta achega 200.000 euros e o resto procede de fondo municipais. 

O recinto contará cun espazo de uso público para actividades e reunións, ademais dunha unidade pública de atención de alzhéimer promovido pola Xunta e un plan de iniciativas sociais para persoas da terceira idade. 

O edificio conta cunha estrutura en pedra do país e conta con 217 metros cadrados de planta. Habilitaranse distintos espazos interiores e crearase un vestíbulo de acceso, ademais de almacén, despacho, dous aseos e unha sala xeral con 130 metros cadrados.

Está previsto deixar a parte máis elevada que alcanza os 7 metros cunha liña ao estilo das casas tradicionais de Galicia ao aire sostida por grandes vigas de madeira de abeto.