A aplicación turística deseñada polo IES Johán Carballeira, activa durante a Semana Santa

Bueu
27 de marzo 2018

Esta ferramenta foi elaborada polo alumnado do IES Johán Carballeira de Bueu no marco dun proxecto interdisciplinar

Os alumnos do Instituto Johán Carballeira deseñan unha aplicación turística para Bueu
Os alumnos do Instituto Johán Carballeira deseñan unha aplicación turística para Bueu / Concello de Bueu

A Oficina de Turismo de Bueu activará este xoves a aplicación turística elaborada polo alumnado do IES Johán Carballeira no marco dun proxecto interdisciplinar.

Esta aplicación permanecerá activa ata o Domingo de Pascua co obxectivo de dar a coñecer os recunchos de Bueu a todos os visitantes e aos propios veciños. 

Este proxecto, denominado 'Entre Rúas', foi elaborado pola empresa Cleventy cos datos achegados polo alumnado do centro e o profesorado implicado e "naceu da curiosidade polo que significan os nomes das rúas", sinalou a concelleira Silvia Carballo.

A ferramenta recolle dúas rutas, unha biográfica e outra matemática, coas que as persoas deberán ir paseando pola vila para resolver as cuestións expostas e conseguir puntos, nunha especie de busca do tesouro.

Para participar, as persoas interesadas deberán pasar pola Oficina de Turismo, na Sala Amalia Domínguez Búa, en horario de 10.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas.