A APP pontevedresa que axuda os pacientes con Crohn a xestionar o seu día a día dun xeito máis eficaz

Pontevedra
17 de xuño 2022

Tu App Asistente en Crohn é unha aplicación para dispositivos móbiles pensada para as persoas que padecen esta doenza inflamatoria intestinal. Este proxecto, que Albeerto Ruibal comezou a deseñar o pasado mes de setembro no marco da súa formación universitaria, xa é unha realidade

Alberto Ruibal, creador de 'Tu App Asistente en Crohn'
Alberto Ruibal, creador de 'Tu App Asistente en Crohn' / Mónica Patxot

A Alberto Ruibal diagnosticáronlle a enfermidade de Crohn con apenas quince anos. Aínda agora, que xa ten 24, recoñece que "é bastante complicado de levar". Por iso é polo que este enxeñeiro informático en cernes idease unha APP que facilita a vida aos pacientes.

"Necesitaba unha ferramenta que me axudase a min mesmo", explica a PontevedraViva, porque "a día de hoxe nin eu mesmo diferencio cando estou a ter un brote". Así que, cando tivo que pensar unha idea para o seu proxecto de fin de grao, tívoo claro. 

Ese foi o xerme do Tu App Asistente en Crohn, unha aplicación para dispositivos móbiles que busca que todas as persoas que padecen esta doenza inflamatoria intestinal reciban axuda á hora de xestionar a súa día a día.

Este proxecto, que comezou a deseñar o pasado mes de setembro no marco da súa formación universitaria, xa é unha realidade. Está dispoñible en Google Play Store para dispositivos con sistema Android e a súa descarga é completamente gratuíta.

Con esta aplicación, para a que este mozo pontevedrés foi o seu propio 'suxeito de proba', os pacientes con Crohn poden rexistrar os seus síntomas e as súas pautas de alimentación ou crear alertas que lles advirtan se unha comida que van inxerir vai facer dano.

Ademais, Alberto Ruibal deseñou o seu propio algoritmo para a detección temperá de brotes, en función dos síntomas asociados en función dos tipos definidos de enfermidade ou o tramo do sistema dixestivo que se poida ver afectado.

"Se rexistras os síntomas que poidas ter axúdache a identificar os brotes", explica o seu creador que, por agora, completou a súa aplicación cun acceso a unha plataforma con consellos médicos, recomendacións ou guías elaboradas por especialistas de toda España.

Desde que comezou a deseñar a aplicación moitas persoas puxéronse en contacto con el a través de redes sociais para ofrecerse como voluntarios para probala "e axudáronme moito porque en base a esas probas aumentei os síntomas que se poden detectar".

O enxeñeiro informático asegura ademais que xa contactaron con el desde o Complexo Hospitalario de Pontevedra, a través do seu servizo de Dixestivo, interesados na posibilidade de facer probas reais con pacientes.

Iso si, antes diso, explica este emprendedor, "teño que certificar a aplicación e facer unha serie de protocolos que levarán o seu tempo".

De cara ao futuro, ademais de defender o seu proxecto -que ten como titor a Paulo Félix Lamas, docente da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago- ante o tribunal universitario, Alberto Ruibal xa ten en mente novas funcionalidades para a súa innovadora ferramenta, que irá engadindo aos poucos.

Así, entre outras cuestións, Tu App Asistente en Crohn incorporará un recordatorio de citas médicas e de medicación, un foro no que os pacientes poidan compartir experiencias ou un apartado para seguir o ciclo menstrual "que con esta enfermidade vese afectado".

"Esta APP axudoume a min e espero que axude a outras persoas", sentencia o seu creador, que aclara que esta aplicación "non pretende en ningún momento substituír a un especialista". É un asistente que non substitúe as funcións dos facultativos, polo que reitera a importancia de recorrer á unidade de enfermidades inflamatorias intestinais de referencia ante calquera problema.