A escalada no número de afectados por covid na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está preto de marcar o seu pico histórico, que ata o de agora databa do 3 de febreiro (2.640 casos activos).
A área pontevedresa sitúase este xoves 22 de xullo nos 2.485 casos activos, 227 máis que o día anterior, nun nivel de subida que todo apunta faralle exceder ese máximo esta mesma semana.
Segundo a información achegada polo Servizo Galego de Saúde sumáronse ás estatísticas 273 novos contaxios nas últimas horas, o que unido ás 38 altas epidemiolóxicas dadas fai que sigan aumentando as infeccións activas.
Tamén increméntanse por quinta xornada consecutiva as hospitalizacións, 25 en total, ao sumar un novo paciente aos ingresos en planta, que se reparten entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (18), o Hospital do Salnés (1) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1). Ademais evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo 5 afectados máis (sen cambios).
Desde o inicio da pandemia superaron o virus 14.829 persoas na área sanitaria, rexistrándose 181 falecementos de pacientes con positivo activo por coronavirus.
Nas o últimas 24 horas fixéronse 1.389 probas PCR.