A área sanitaria alcanza os 826 casos activos de Covid-19, tras sumar 27 novos positivos nun día

Pontevedra
27 de setembro 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense, un día máis, como a segunda zona de Galicia con máis casos activos de coronavirus, tan só superada pola Coruña. A nivel hospitalario, mantense a cifra de pacientes ingresados do sábado, 19, aínda que baixan de seis a cinco os pacientes con Covid-19 en UCI 

Evolución dos casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ata este domingo 27 de setembro
Evolución dos casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ata este domingo 27 de setembro

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense, un día máis, como a segunda zona de Galicia con máis casos activos de coronavirus, tan só superada pola Coruña, aínda que a diferenza é que na área coruñesa seguen unha tendencia ao descenso de casos mentres que en Pontevedra non pairan de crecer. 

Segundo o balance oficial facilitado este domingo, nas últimas 24 horas contabilizáronse 27 novos contaxios. Así, hai 826 casos activos nesta área sanitaria, 16 máis que o sábado, e curáronse 11 pacientes

A nivel hospitalario, mantense a cifra de pacientes ingresados do sábado, 19, aínda que cunha distribución diferente. Así, baixaron de seis a cinco os pacientes con Covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, pero subiron de 13 a 14 as persoas ingresadas en planta de hospitalización. 

Este domingo hai 11 pacientes ingresados en planta no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e dous no Hospital do Salnés. Os cinco de UCI están en Montecelo.

Os 807 casos activos restantes atópanse, segundo os datos oficiais, en seguimento domiciliario

Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19, curáronse 1.257 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 19 pacientes.

A área sanitaria mantén un ritmo alto de realización de probas PCR’s. Nas últimas 24 horas realizáronse 607, que se engaden ás 40.168 xa efectuadas desde o inicio da pandemia.

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.432, 17 menos que o sábado. Deles, 1.046 son da área da Coruña, que ten 31 casos activos menos que o sábado. 

Tamén se reduciron os casos en Lugo, de 642 a 589; e en Ferrol, de 164 a 154. Con todo, en Vigo iguálase a cifra de 512 casos activos e no resto de Galicia, os datos subiron. En Ourense pasan de 689 a 728 e en Santiago crecen de 555 a 577.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 33 están en UCI, 198 en unidades de hospitalización e 4.201 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.316 persoas curadas e rexistráronse 729 falecementos. 

O número de PCR realizadas é de 465.341