A área sanitaria chega ás 240 vítimas mortais desde o inicio da pandemia co falecemento dun home en Montecelo

Pontevedra
22 de xaneiro 2022

A vítima tiña 87 anos e fora diagnosticada por coronavirus, ademais presentaba outras patoloxías previas, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade este sábado 22 de xaneiro. Nestas últimas horas tamén perdía a vida unha muller de 68 anos con covid-19 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

A Consellería de Sanidade trasladaba este sábado 22 de xaneiro o dato de dúas novas vítimas ingresadas en centros hospitalarios de Galicia diagnosticadas por coronavirus.

Unha delas é un home, de 87 anos de idade, que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo. Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde contaba con outras enfermidades previas no seu expediente clínico.

Con este deceso, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés chega á cifra de 240 pacientes falecidos desde o inicio da pandemia. Durante ese tempo, a través do plan de continxencia do covid-19 nos distritos de Pontevedra e O Salnés curáronse 34.597 persoas que padeceran a enfermidade.

Ademais, Saúde Pública tamén certificaba nesta xornada do sábado a morte doutra persoa con covid en Galicia. Trátase dunha muller de 68 anos, que se atopaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Tamén contaba con outras enfermidades no seu historial.

O número total de mortes na comunidade autónoma como consecuencia desta enfermidade ascende a 2.875 pacientes. Nesta xornada, Galicia rexistrara 6.695 positivos novos, 356 contaxios diarios máis respecto a os notificados o venres e 1.920 menos en relación aos detectados o sábado da semana pasada.