Os últimos días do 2020 e o inicio de 2021 están a ofrecer un balance moi negativo en canto a mortes na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, que suma xa catro días consecutivos sumando falecementos de persoas enfermas de coronavirus e de idade avanzada.
Nos últimos datos achegados pola Consellería de Sanidade notifícase a morte dun home de 83 anos, no Hospital do Salnés, ademais doutro home de 80 anos de idade que perdía a vida no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Nas últimas horas en Galicia falecían tres persoas por culpa da pandemia, segundo os datos que achegan as autoridades sanitarias. A estas dúas vítimas rexistradas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén hai que unir a dun home de 97 anos, que perdía a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
O Servizo Galego de Saúde informa de que as tres mortes por covid-19 en Galicia contaban cun historial clínico no que figuraban enfermidades previas.