A área sanitaria de Pontevedra suma 38 novos contaxios e roza de novo os 500 casos activos por covid-19

Pontevedra
19 de outubro 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou 38 novos contaxios por covid-19 nas últimas 24 horas. A incidencia da pandemia volve crecer de forma notable e os casos activos por coronavirus son xa 475, dezaoito máis que onte, segundo o Servizo Galego de Saúde

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 19 de outubro
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 19 de outubro / Servizo Galego de Saúde

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou 38 novos contaxios por covid-19 nas últimas 24 horas. A incidencia da pandemia volve crecer de forma notable e os casos activos por coronavirus son xa 475, dezaoito máis que onte, segundo o Servizo Galego de Saúde.

Un novo paciente hospitalizado eleva ademais a 22 os positivos que reciben asistencia sanitaria nalgún dos centros hospitalarios da área. Catro deles están están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

Os outros dezaoito están a ser atendidos en planta, trece en Montecelo, catro no Hospital do Salnés e un no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos pacientes que contraeron o virus, outras 453 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 2.150 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, vinte máis desde onte, e rexistráronse 25 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 54.616, 537 nas últimas horas. Desde onte, detectáronse 38 novos positivos por PCR. A estas probas súmanse as 36.264 serologías realizadas ata a data.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.101, 169 máis que o día anterior. Deles 852 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.516 da de Ourense, 475 da de Pontevedra, 791 da área de Vigo, 762 da de Santiago e 222 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 266 en unidades de hospitalización e 4.789 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 23.578 persoas curadas, rexistrándose 822 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 592.162 probas PCR e 381.824 probas serológicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 417 infectados.