A área sanitaria estáncase nos 8 casos activos de coronavirus

Pontevedra
16 de xuño 2020

Oito persoas é a cifra de afectados con positivo activo de coronavirus que, por quinto día consecutivo, reporta no seu balance a Consellería de Sanidade con respecto a Pontevedra e O Salnés. Desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria 891 afectados de  Covid-19

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Unha xornada máis, e van cinco, Pontevedra e O Salnés rexistran o mesmo número de afectados por coronavirus, con 8 casos activos.

Así o reflicte o balance diario deste martes 16 de xuño da Consellería de Sanidade para a área sanitaria pontevedresa, que parece terse estancado e onde con respecto ao luns non se produciron variacións nin no que respecta a altas epidemiolóxicas nin tampouco a novos contaxios, sendo o sexto día consecutivo sen que se reporten novos test positivos.

Desta forma, sen pacientes con positivo activo ingresados nos centros hospitalarios, todos os afectados evolucionan nos seus domicilios.

Desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria 891 afectados de  Covid-19, e producíronse 16 falecementos asociados co virus.

Pola súa banda a nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 349, un máis que luns. Deles 109 son da área da Coruña, 19 da de Lugo, 26 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 142 da área de Vigo, 33 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 8 están en unidades de hospitalización e 341 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.491 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 159.799 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,02% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 5 usuarios e 6 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.