Ata 103 melloras en vivendas e edificios de Pontevedra foron rehabilitadas con cargo á área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico. Dúas das últimas obras, na Praza do Teucro e na rúa Sarmiento, xa foron certificadas, segundo explicou o Concello.
Esta cifra poderá incrementarse nos próximos meses xa que a última convocatoria da ARI permitirá actuar en 35 proxectos máis.
Neste momento o Concello de Pontevedra, a través da oficina de rehabilitación que xestiona os fondos ARI, está a tramitar a primeira e segunda fase de axudas, e está a baremar os proxectos presentadas para a terceira fase.
Ao respecto da primeira fase foron financiadas 87 actuacións con 293.733,83 euros. Na actualidade está executada esta fase ao 97%. Sobre a segunda fase, tamén vixente, foron financiadas 16 actuacións cun investimento de 123.427,22 euros e está executada ao 97%.
No que respecta á terceira fase, a oficina de rehabilitación está a estudar os proxectos particulares presentados. Nesta fase, o Concello opta a unha axuda de 552.121,81 euros que permitirá financiar 35 actuacións.
Está previsto que nos vindeiros días se coñeza o resultado da análise dos proxectos presentados nesta terceira fase do centro histórico, ao igual que na oitava fase da ARI de Estribela, que permitirá realizar 23 actuacións cun orzamento de 112.499,64 euros.
Coas axudas da ARI pódense acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa, eficiencia enerxética ou espazos comúns dos edificios.