A arquitectura galega distingue a traxectoria profesional de César Portela

Pontevedra
15 de setembro 2021

O Colexio de Arquitectos de Galicia concédelle unha distinción como recoñecemento a toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión, premio que recibirá na gala do 25 de setembro no Pazo de Baión en Vilanova de Arousa

César Portela, en el Centro Social Afundación de Pontevedra
César Portela, en el Centro Social Afundación de Pontevedra / Mónica Patxot

O Colexio de Arquitectos de Galicia outorga o Premio á Traxectoria Profesional da XIX edición dos Premios COAG de Arquitectura ao arquitecto pontevedrés César Portela.

O COAG sinala que con este premio recoñécese toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión, destacando o mérito de como, co seu estudio desde unha pequena cidade como Pontevedra, conseguiu ser "un referente na arquitectura internacional", con obra construída presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto.

Galicia é a terra que acolle gran parte da arquitectura de César Portela, cunha obra que, segundo sinala o COAG, abarca "todas as escalas, desde pequenas intervencións realizadas cun gran coidado e respecto ao patrimonio construído e á contorna natural no que se enclava, ata os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías".

Tamén desde o Colexio oficial non se esquecen do seu traballo en urbanismo, docencia, investigación ou no achegamento e reinterpretación da vivenda tradicional onde acadou un modelo con características propias e identificables.

César Portela agradeceu "de todo corazón" ao Colexio de Arquitectos de Galicia este premio á súa traxectoria profesional. Considera que para un arquitecto hai dous tipos de recoñecementos que o poden encher de satisfacción, o que emana dos usuarios das obras, cando mostran o seu agrado por habitar eses espazos proxectados e construídos co fin de que se sintan a gusto habitándoos; e o segundo, o que provén dos compañeiros de profesión.

"Este recoñecemento énchete de orgullo e compénsache das mil e unha batallas que cada día libramos no exercicio do noso traballo, tanto no terreo da ética como da estética, para lograr saír indemne e satisfeito persoal e profesionalmente neste campo minado no que se vén desenvolvendo o exercicio da nosa profesión, e no que en cada hora, cada día ou cada obra temos que tomar decisións difíciles que esquiven o mal gusto e os intentos de corrupción imperantes, o cal non é tarefa fácil", manifestou.

O arquitecto asegura que en todas as épocas se fixo boa e mala arquitectura. E ao percorrer Galicia, Portela asegura que temos ocasión de ver novas actuacións urbanísticas e arquitectónicas deseñadas por compañeiros "que me alegran a viaxe pola súa gran calidade". Aínda que confesa que tamén lle espantan "edificios e urbanizacións feitas nas derradeiras décadas que parecen proxectadas polo demo para danar ou desfacer a paisaxe onde se asentan". 

"Hai que seguir loitando por mellorar a calidade do noso traballo por propia estima e por obriga, porque vivimos nun país que ten un territorio e unha paisaxe natural moi variados, moi ricos e marabillosos. E temos que loitar por construílo e sublímalo cos artificios que facemos e non danalo ou destruílo", argumenta.