A arte únese á gastronomía para seguir enchendo de vida o Mercado

Pontevedra
28 de agosto 2020

Recentemente superado o seu primeiro ano de apertura, o espazo gastronómico O Mercado de Pontevedra xa se consolidou como punto de encontro e espazo de restauración e agora dá un paso máis para manter o primeiro andar da praza de abastos cheo de vida: fusiona arte e gastronomía nunha nova oferta cultural que abriu este xoves a exposición 'Comendo ARTE', con obras dos artistas Asun González e Franck Xastre 

Inauguración da exposición 'Comendo ARTE' no gastroespazo do Mercado O Mercado

Recentemente superado o seu primeiro ano de apertura, o espazo gastronómico O Mercado de Pontevedra xa se consolidou como punto de encontro e espazo de restauración e agora dá un paso máis para manter o primeiro andar da praza de abastos cheo de vida: fusiona arte e gastronomía nunha nova oferta cultural que abriu este xoves a exposición 'Comendo ARTE', con obras dos artistas Asun González e Franck Xastre.

A exposición, que poderá visitarse ata o domingo 30 de agosto no primeiro piso do mercado de abastos da rúa Serra, inaugurouse este xoves cunha presentación aos medios de comunicación e unha sesión de pintura en directo que ás oito e media da tarde tivo moi boa acollida por parte da clientela do espazo gastronómico.

'Comendo ARTE' é unha mostra con nove cadros de grandes dimensións que ofrecen miradas penetrantes dos seus personaxes tanto co trazo e a forza da cor como coas mensaxes sutís que ofrecen.

Supón unha maneira de coñecer a obra destes dous artistas por separado e en conxunto, pois algunhas delas están elaboradas a catro mans por estes dous artistas que, aínda que son naturais de Vigo e Francia, levan anos asentados en Pontevedra e teñen grande proxección no exterior, con exposicions por toda España ou Alemania.

Con esta primeira actividade, a Asociación O Mercado de usuarios da primeria planta do Mercado de Pontevedra abre unha programación cultural que buscan que sexa regular e que contribuirá a dinamizar este espazo inaugurado en 2019 e que no seu primeiro ano de vida logrou un grande éxito. Desde o desconfinamento do estado de alarma, consolidouse como unha alternativa de ocio e gastronomía escollida por moitos pontevedreses.