Unha decena de retratos de artistas do mundo do rock como Joan Jett, de The Runaways; Rudi Protrudi, de The Fuzztones; Debbie Harry, de Blondie; Joey Ramone, de Ramones, ou Janis Joplin, conformarán a exposición 'Rock and Roll na Praza', que acollerá o Mercado de Abastos de Pontevedra durante o mes de setembro.
A mostra, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e realizada polo artista galaico leonés Javier de la Torre (máis coñecido na cidade como JT), será inaugurada este xoves día 3 ás 20:00 horas e poderá visitarse de xeito gratuíto na primeira planta do edificio da rúa Serra tanto polas mañás como polas tardes.
Os cadros que se exhibirán son o resultado da combinación de música e arte plástica que marcaron a carreira de Javier de la Torre (León, 1973), chegado a Pontevedra a principios dos 90 e alumno da terceira promoción de Belas Artes.
Con máis de 15 anos de experiencia ás súas costas como DJ de rock, soul e funk en diversos locais da cidade (Xolda, Clan Cabaret e, actualmente, El Pequeño), nesta mostra exporanse retratos de artistas da escena do rock con vastas pinceladas e precisas liñas, mezclando o neoimpresionismo e o expresionismo para achegar unha nova visión das personaxes baseada na súa música e a súa personalidade.
Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económcia e Turismo, Yoya Blanco, este tipo de iniciativas "resultan de vital importancia para promover o Mercado de Abastos como un espazo de encontro, máis aló da gastronomía, e como motor de actividades culturais e artísticas que amplíen o abano de experiencias para os visitantes".